Friday 03 de May de 2024

Senda Nova súmase á celebración do Ano do Xestal cunha nova ruta que percorrerá os lugares vinculados ao artista


Os nenos e nenas da Escola Ambiental presentaron os oito itinerarios programados para este ano, dende o 16 de abril ata o 4 de xuño

A Asociación Ambiental Senda Nova súmase ao Ano do Xestal. Neste 2023 conmemoramos o 90º aniversario do nacemento e o 30º cabodano de Carlos Díaz Gestal, cantante, músico, humorista, activista social e político… gran artista e mellor persoa, que pasou entre nós boa parte da súa vida. Coa colaboración do movemento asociativo queremos honrar a súa memoria e recuperar e poñer en valor o seu legado cunha serie de actividades que se están a desenvolver durante todo o ano.

Para coñecer mellor a Carlos O Xestal é importante situalo na súa contorna vital, e iso é o que vai axudarnos a facer Senda Nova co percorrido que abrirá a Primavera en Ruta deste ano: a Ruta do Xestal, que nos levará polos lugares das Torres, Pardiñas, O Seixo, o Petón do Caldeiro e Castrillón seguindo os seus pasos polas parroquias de Oza, Razo e Lema. En total, 8 quilómetros aptos para todo o mundo.

A Ruta do Xestal realizarase o 16 de abril. Será a primeira da Primavera en Ruta, e grazas á súa escasa dificultade permitiranos empezar a coller forma para as que virán despois. A inscrición é de balde, nos lugares de costume, e debido a que rematará antes das 15.00 horas non está previsto avituallamento.

Este sábado coñecemos o programa completo da Primavera en Ruta nun acto que se celebrou no Espazo da Natureza de Oza e no que tomaron a palabra os nenos e nenas da Escola Ambiental Senda Nova para darnos a coñecer os detalles do programa. Tamén participaron José Manuel Menéndez, que foi quen deseñou a Ruta do Xestal e que agradeceu a colaboración da comisión organizadora do Ano do Xestal e dos concellos polos que discorren as rutas, e Evaristo Domínguez Rial, quen animou a todos os presentes a participar. “Eu levo practicamente dende que se fundou a asociación, percorrín as rutas máis de dez veces e sempre se aprende algo”, manifestou.

PROGRAMA
16 de abril
Ruta do Xestal (Oza, Razo, Lema)
Carlos Díaz: arte e activismo
8 km. Dificultade moi baixa

23 de abril
O son do Anllóns (Carballo, Sísamo, Goiáns, Verdes, Cereo, Corcoesto)
O río de Bergantiños
21 km. Dificultade media
30 de abril
Coristanco histórico (Seavia, Ferreira, Couso, Cuns)
Patrimonio e historia
18 km. Dificultade media

7 de maio
Ruta das mámoas (Nantón, Rioboo)
Tesouros megalíticos
14 km. Dificultade baixa

14 de maio
Costa agreste de Cerqueda e Cambre
Paisaxe e xeoloxía a carón do mar
14 km. Dificultade baixa

21 de maio
A forza do río Chonia (Monzo, Restande, Benza, Xavestre, Portomeiro)
Segredos do Chonia en terra gandeira
20 km. Dificultade media-baixa

28 de maio
Terras altas de Soneira (Gándara, Carrreira, Mira)
Soneira dende o alto
16 km. Dificultade media

4 de xuño
Camiños de Caión (Caión, Rebordelos, Noicela)
Miradoiros do Atlántico
14 km. Dificultade baixa

Agás a Ruta do Xestal, todas teñen unha duración de mañá e tarde, incluído o xantar “de bocata” e o transporte. As inscricións no concello de Carballo poden realizarse na base de Protección Civil (de luns a venres, de 9.30 a 13.30 h.) e no Espazo da natureza de Oza (mércores, xoves e venres, de 17.00 a 20.00 horas).